Friday 10 de May de 2024

O Concello concede licenza para rehabilitar a sede da Real Academia Galega e o museo Emilia Pardo Bazán


A intervención prevista abrangue a restauración de fachadas, galerías e carpinterías do inmoble, así como a renovación dos materiais da cuberta, a recuperación do patio orixinal do edificio e a instalación dun ascensor

Xunta de Goberno Local, reunida este mércores en sesión ordinaria, informou hoxe da concesión de licenza para os traballos de rehabilitación do edificio situado no nº 11 da rúa Tabernas, na Cidade Vella, que acolle a sede da Real Academia Galega (RAG) na Coruña e o museo Emilia Pardo Bazán.

O proxecto presentado indica un prazo de execución máximo dos traballos de 22 meses. O orzamento previsto para concretar as obras, con carácter de reestruturación parcial, é de 2,1 millóns de euros.

O inmoble en cuestión, un pazo urbano con escudo señorial que foi entregado á Real Academia Galega pola familia de Emilia Pardo Bazán, ten fachada de cantería. A fachada principal ten acceso á rúa Tabernas, e a traseira —a máis estreita— dá á rúa do Parrote. Xa no 1975, o prestixioso arquitecto coruñés Andrés Fernández-Albalat Lois dirixiu unha primeira reconstrución do edificio, que supuxo a súa ampliación en dúas alturas.

A intervención prevista para rehabilitar o edificio

As actuacións que contempla o proxecto de rehabilitación do edificio implicarán traballos de conservación e restauración de fachadas, galerías e carpinterías do inmoble. Ademais, tamén se acometerá a renovación da cuberta de zinc.

Por outra banda, está previsto recuperar o patio orixinal do edificio e, a maiores, instalar un ascensor para facilitar a accesibilidade no interior do inmoble.

Licenza para a demolición dun edificio en paseo de Rolda

Ademais, este mércores, a Xunta de Goberno Local tamén fixo balance das licenzas resoltas no período entre o 6 de xuño e o 13 de xullo, con 518 expedientes notificados, dos que 41 foron licenzas urbanísticas e 312 foron obras en réxime de comunicado.

Entre as licenzas concedidas, destaca a que permitirá a demolición dun edificio en paseo de Rolda, 44, na contorna de San Roque de Fóra e o polígono de Náutica, con vistas á posterior construción dun novo inmoble na mesma parcela.

Representación municipal nos órganos de goberno de entes e fundacións

Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á designación dos representantes municipais do Concello nos órganos de goberno ou consellos de administración de Emalcsa, a EMVSA, o padroado da Fundación Emalcsa, a Fundación Luis Seoane, o Consorcio para a Promoción da Música e o Consello Reitor do Instituto Municipal Coruña Espectáculos, entre máis entes e fundacións. A alcaldesa, Inés Rey, ostentará o cargo de presidenta en todas as entidades mencionadas previamente.